Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Vigo’

Cada 3 de febreiro o viño e os licores corren polas rúas de Benvibre. Non acado a comprender porqué un santo médico convida a tal bacanal. Será se cadra porque o alcool anestesia.

Mañá, hoxe, é o día grande (dende o mediodía ata que os riñóns, o fígado e o estómago aguanten) inda que levamos varios días erguendo a taza. Este ano o meu premio ó mellor furancho é para o de Chicha, xunto á Igrexa de Benvibre (Vigo). Comida e sidra da casa: lacón, zorza, xamón asado, chourizo e… biscoito con prezos ideais anticrise. Ah, se tes sorte, mesmo sopa con auga de cocido. Inimaxinable.

Chicha é desas mulleres curtidas polo tempo, pola historia e pola familia. Un sorriso de señora afeita a mandar na cociña e na casa, para quen nunca a porta debe estar pechada, para quen a festa manda. Mañá será o seu gran día aínda que o noso bandullo leva pensando nela dene hai tempo. Lémbrame á miña nai con esas verbas de dozura para os meniños, ese coida-los da casa por riba de todo aínda que ventee fóra e dentro. Gústame a visión que ten dos homes. “Sempre están cansos”, espeta co marido a dous metros. Que razón ten. Non hai nada máis que dicir contra a evidencia e a experiencia.

Sería pola sidra, sería polo licorcafé demos tres voltas ó ruedo entre risos e medios aplausos. Unha festa é unha festa mentras na cabeza resoan as gaitas, cunchas e tambores. Mágoa que o tempo sexa efémero e que mañá sexa outro día. Chicha forever.

Como na maior parte dos bos momentos da vida, non hai traza para a imaxe e a foto. Confiemos, pois na cabeza para a lembranza. Como souvenir, o recordo e unha chapa do porco-Che, a derradeira da tempada.

Read Full Post »

“Eu fun un cabaliño de mar, irisado pero con tendencia ó vermello, rodeado doutros cabaliños de mar amarelos, das algas verdes e das ondas azuis. E fun un cabaliño de mar que percorreu o camiño acompañado de caras, a gran maioría, descoñecidas. Pero alí isolado sentinme unido. Estiven enfeitizado durante uns minutos ata que deixei de choutar por unha orde suave a través dos cascos. O experimento mp3 mudou a miña vida”.

29102009

Xa pasaron tres días desde o Experimento mp3 en Vigo, Murcia, Madrid e Barcelona. Baseado nun flashmob ou tamén chamada performance monguer, de Improve Everywhere, que van polo mundo pedindo voluntarios para de forma anual facer este experimento, propoñen realizar unha intervención artística espontánea na rúa a través de voluntarios que seguen as ordes facilitadas nun podcast dun mp3 que previamente descargaron das redes sociais, neste caso Facebook.

Eu temía, como moitas persoas, que o apoio masivo no Facebook (onde sinalabas se pensabas acudir, se non ías ir ou se non sabías) desde a cidade olívica se transformara nunha presenza tímida ante o Marco, na rúa Príncipe. Pero, oh sorpresa, non foi así. Ó final, despois de Barna, foi a segunda cidade na que máis seguimento houbo por riba das 300 persoas do Retiro de Madrid.

No caso de Vigo non se poñen de acordo as distintas fontes no número de participantes. Uns din 500, outros 400, outros 300. O que está claro é que eramos máis de 350. Eu escollín a camiseta vermella porque as azuis estaban para lavar, porque coas verdes ou morrería abafada de calor ou pasaría fresco de máis, porque a amarela levaba unhas raias e números da selección brasileira de fútbol. E alí estiven no bando vermello.

Ás 18.00 horas comezou todo. No interior do Marco tamén había expectación. Na recepción mandaron avisar cando faltara un minuto. Cando faltaba saíron afora e comezou unha conta atrás mental para algúns. Ó final, de pouco valeu porque, no meu caso, empecei rezagada uns 2 ou 3 segundos que naquel momento non parecían nada.

Todos cos cascos, oímos como unha voz dun rapaz se presentaba entre música e nos pedía que comezaramos a estirar. E alí estabamos estirando no medio de Príncipe sen importarnos que a señora do pelo tinguido de mechas nos mirara de esguello, que a rapaza do flequillo sorrira para nós. A continuación, tocou desfilar e alí estabamos unha marea de cores do parchís (como dicían no xornal decano) desfilando cada un na dirección que se antollaba. Ata aí, normalidade.

Despois do precalentamento, chegou a interacción co medio. Primeiro, mandaron abrazarnos a un obxecto inanimado, logo a outro animado pero non persoa. Así foi como me vin abrazada á baranda metálica do Marco e despois a un can que tras o meu recibiu varias decenas de aloumiños mentres se lle poñía cara de parvo preguntándose que fixera el para recibir tanto cariño. Iso si, quedou contento. E a dona -de negro e sen cascos- sorría para nós sen saber que era o que nos movía a dar tanto afecto á mascota.

A interacción proseguiu entre nós. E non sei mo ben cando comezamos a bailar a música que nos poñían como se estiveramos nunha discoteca de hoxe en día, primeiro, para despois imaxinar o baile do 2029 no que abundaban os movementos máquina. O curioso foi recibir a orde despois de reproducir este baile pero a cámara lenta.

Tocou o tempo de dispersase. A voz en off mandou andar, andar, pararnos, andar. Voltamos e entón ficamos conxelamos na posición na que estabamos todos agás os azuis que tiveron que facer o movemento das ondas do mar. Logo, os verdes -convertidos en algas- tiveron que seguir o movemento das olas para, ó final, sumarnos amarelos e vermellos convertidos en cabaliños de mar que choutaban entre ondas e algas.

Os exercizos posteriores consistiron en formar unha diana de cores. Primeiro co vermello no centro rodeado de azul e verde e os amarelos como dardos intentando chegar ó vermelo mentres as outras dúas cores o trataban de impedir.

Logo, tocou xogar a Enredos. “Coa man dereita toca o hombro esquerdo dalguén con camiseta vermella”, dicían, “agora toca cun pé o pé esquerdo do da camiseta azul, e agora coa man esquerda toca a alguén de amarelo….” A medida que quedabas descalificada tiñas que sentar no chan.

O xogo proseguiu coa batalla épica final para a que recollimos as nosas armas -globos de cores- cos que tiñamos que atizarlle ós das camisetas diferentes da nosa. Entón nun momento a voz en off pediunos que pararamos que non iamos imitar ós malos do mundo senón que iamos dar unha mensaxe de paz apuntando as nosas armas cara o ceo e pronunciando a onomatopeia do silencio shhhhhhhhhhh para calar as voces a favor da guerra. Soltamos os globos que caeron o chan e que comezaron a estoupar como lumes de artificio. Aquel último momento de festa foi o epitafio do experimento mp3 en Vigo tras máis de 40 minutos de intervención.

Para ver algunhas imaxes da xornada, atopei este enlace no flickr show.

Para ver experimentos anteriores nun documental de Improve Everywhere con outros proxectos a redor do mundo, mellor acudide ó Marco para ver o bloque A de artfutura-2009-20-anos-da-realidade-virtual-redes-sociais ademais das mellores obras de 3D do mundo, está tamén este documental.

Read Full Post »

Descoñezo quen gañou o concurso de tapas do Casco Vello de Vigo. En teoría era esta fin de semana cando se daba a coñecer o nome. Para os restauradores, o certame supón publicidade máis ca un mérito ou un destaque entre o resto dos competidores. Quizais por iso faltaron máis da metade á degustación das autoridades a pasada semana. Segundo puiden saber, a moitos de verdade que lles dá igual gañar ou non gañar o certame.

Ben o creo. O pasado ano eu ata diría que lles daba igual presentar unha tapa decente, en moitos casos e non en todos. Aclaro. Nun local poñían de tapa unha ensaladilla rusa sen maionesa e con ingredientes desconxelados, deses que se poden mercar en bolsas no supermercado. O nome da tapa en sí era delicioso, cheo de ensoñacións. O sabor, era repugnante. O caso é que tras tomar catro tapas a xente coa que eu ía máis pensamos que en moitos casos era mellor que certos restaurantes ou bares non participaran. Para non poñer interese, mellor quedar quedo.

Iso foi o ano pasado. Neste, as cousas xa melloraron un pouco. E aínda que non me deu tempo de probalos todos eu quédome co paté sefardí de Mama Oko (Rúa Real). As rapazas ben poderían gañar o premio. Delicious.

MAMAOKO

Read Full Post »