Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘teatro’

Clases de imbéciles

Neste cosmos de elípticas e das areas de desertos terrícolas, marcianos, venusianos… conviven millóns de imbéciles. Matarile Teatro clasifícaos en:

-Os que non procuran nin queren nada

– Os que queren ter todo

-Os que querendo algo non fan nada por conseguilo

-Os que aínda facendo méritos non conseguen o que queren

A clase maxistral dérona a pasada fin de semana o elenco (José Campanari, Xan Cejudo, Alba Fernández tocando a viola, Mónica García, Ricardo Santana e Ana Vallés) e a directora (Ana Vallés) na obra “Cerrado por aburrimiento” que se estreou no Teatro Colón d´A Coruña.

No escenario, non había máis ca unha mesa sobre a que se dispoña un floreiro, unha perruca. Detrás, cinco sillas. Á dereita, no chan, un cabazo, unha botella. Máis lonxe, un sofá, outras cousas.

Foi esta unha obra de verdades ferintes. “Cerramos gracias ó apoio de varias institucións”; “Quedar na casa non implica necesariamente aillarse” son dous delas. Sen embargo, eu quédome co berro raído de Vallés loitando contra a música, dicíndonos en francés “Eu son a mamá, eu son a madam, eu son a prometida… Eu son a tristeza. Marcho. Silencio, silencio” mentres o son da viola acompañaba o compás da música afondando na alma nunha imaxe que doe tanto como o berro de angustia de Munch. Facía tempo que non vía tanta poesía sobre as táboas. Agora pecho os ollos, e aínda vexo a Ana Vallés facendo de Ana, vestida de traxe de saia e chaqueta negros, con perruca negra esguedellada, subida a un foco de luz con rodas tirado por un actor apuntando o corpo de Mónica García nu do estómago para riba, esculpindo a figura como unha escultura antiga, como un maniquí que de súpeto parece ter algo de vida, empregando este mesmo paréntese para rematar a obra.

Pero entre o principio e o final, houbo outros instantes de luz expresionista, mínima, tan ben coidada e numerosas frases que me mergullaron na reflexión: “Facer teatro é resistir”, facer teatro implica “soportar o desprezo das institucións” así como dos críticos. Por suposto houbo crítica para o público, ese público neste país que se nega a pagar pola arte.

“Cerrado por aburrimiento” presenta unha compañía de teatro, os propios Matarile sopesando, levando como mellor poden a resignación ante un proxecto que deben dobrar e gardar aínda que só sexa por un tempo. “Cerrado por aburrimiento” é, como eles din, a contradicción dalguén que quere deixalo pero ten medo a deixar de facer o que realmente lle gusta, o que realmente ama.

Mentres se abandonan ó diálogo crítico, os actores van poñendo sobre o escenario reflexións como a cuestión de se as cousas belas deben escandalizar e por suposto, o tema da reivindicación do aburrimento. Porque para eles a vida en si mesma non ten sentido, hai que darllo, e ás veces se non se atopa debe un “abandoarse a un letargo reanimador”.

O teatro non debe sempre facer rir, debe obrigar a pensar pero desta vez coido que algo removeu en min. Esta fin de semana vin unha das imaxes máis ferintes que nunca vira na sala: un cartel de “se vende compañía de teatro” tras a interpretación da Marsellesa. É isto quizais o que lles queda os profesionais liberais, berrar pola liberdade, a igualdade e a fraternidade mentres poñemos o anuncio da venta dos nosos soños e da nosa alma. Sempre o conflicto da moral latente, do fracaso percibido, do desánimo. Nunca de min se separan.

E como penúltima imaxe de peche, tras lembrar a Tolstoi e outros astros, Xan Cejudo de actor interpretando o “Autorretrato” de Pessoa comezando por dicir que “non son nada” para logo recoñecer a pantomima dos seus versos. Ah suxo Pessoa!

Read Full Post »