Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘publicidade’

SEN ZIRITIONE

Fáltame algo. Non é o aire, nin o sangue. É un non sei que, algo que me sobe polo corpo, que me fai sentir especial, segura, aventureira, leda… A medida que foron pasando as horas do día, esta estrana sensación foi in crescendo ata que agora que cheguei a casa caín na conta do que era. Fáltame el.

Sendo nena, tería once anos, un día baixaba pola rúa Urzáiz con meu pai. Paramos nun paso de cebra e alí estaba o coche máis bonito que vira nunca.

-Que coche é este, papá?

-Un Volkswagen Golf.

“De maior, quero un como este”, pensei. Descapotable, branco, xuvenil… Perfecto. Ao cumprir os 18, sen embargo, non quería saber nada de coches. Colléralles medo, supoño que por un sinistro total na familia. Meus pais pregáronme que sacara o carné. Non houbo forma ata que no meu primeiro ano de traballo, a empresa de autobuses na que me movía fixo folga durante meses. Paseinas canutas.

ziritione1Capitulei e voltei á autoescola onde levaba matriculada dous anos sen ir nunca polas clases. Púxenme en serio e aprobei teórico e práctico á primeira. O práctico, de chiripa, non me mandaron aparcar. Nese momento, había que dar un segundo paso, mercar un coche. Visitamos a Renault, a Ferwagen… Só tiña ollos para o Golf pero non estaba ao meu alcance. Un día, fomos ao concesionario da Volksw en Cangas. Entrei e vino. Quedei namorada. Sentín o mesmo que sentira anos atrás en Urzáiz, só que este non era descapotable. Velaí o estaba: era como un Golf pero en pequeniño. Era un Polo.

Lembro a primeira vez que o viron os antigos compañeiros de oficina. Saíron ao balcón a berrar e saudar coa man. A xente na rúa pensaba que estaban tolos. É o que ten o Polo, que levanta paixóns. Será polo ziritione.

Xa levamos xuntos oito anos. A pesar do tempo, do raiadiño que está, de ter perdido brillo na chapa, sigo sentindo algo especial cando o vexo. Son como o rapaz daquel anuncio, que saía á xanela para ver de noite o seu Polo aparcado na rúa, baixo a farola. “Con ziritione”, dicía. Aquel spot foi unha lección maxistral de campaña de marketing. A xente deu en teimar que se o ziritione era un brillo especial da pintura, que se era algo que tiña o coche que lle facía andar como o raio, que se tal, que se tumba. O ziritione, en realidade, foi unha invención baixo a etiqueta do “naming” que consiste en crear unha palabra que non existe para asociala a un produto ou marca. Trunfaron. Durante anos Polo asociouse a ziritione, cunha connotación positiva, de xuventude.

O caso é que o meu “ziritione” levaba raro varias semanas. Fóronlle aparecendo ruídos que fun silenciando aumentando o volume da radio ata que haberá tres xornadas frenei e nin a música apagou aquela dor sonora do Polo. “Creo que é grave”, pensei. Esta mañá, leveino ao taller e alí quedou, subido, nun alto, amosando as tripas. Agora estará a durmir e non sei se mañá haberá reencontro. Quen dixo que o ziritione non existe? O meu Polo emánao nas cantidades que eu preciso.

Volta a casa, pronto.

Read Full Post »