Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘poeta’

Olas no camiño

Hai algo máxico no medre da marea na costa de Oia porque sobe paseniño pero con forza, cunha delicada e á vez agresiva forza. Será, se cadra esa contradicción a que fai que me guste ficar sentada alí sobre os penedos, a olla-lo mar.

OIA

O sol do outono quenta pero non manca e a brisa é a segunda friaxe que sinto. A primeira, realmente xa non a sinto; o que acontece é que non me dou desfeito dela; é xa inherente a min. Se puidera ollar para o meu iris neste momento -mellor dito, no momento no que estaba a mirar para o mar alí en Oia-, de seguro me perdería entre as esporas castañas do iris a través dun túnel de historias, sentimentos e pensamentos con entradas, moitas entradas, mais ningunha saída.

Gustariame ter un caderno de poeta para describir o desacougo que produce a luz do faro sobre o asfalto cando o bater das olas mete medo na hora sen luz que non permite enxergar nin a auga nin a escuma.

Agora, sen embargo é de día e xa comezo a sentir medo. As ondas xa están aquí bravas. Non estaría de máis que me deran unha lavazada a ver se acordo. Máis de 5.000 días a agardar un cambio e agora resulta que a que debe mudar son eu. Curioso. Podía te-lo descuberto antes. Pregúntome se serei capaz de comezar de novo ou, mellor dito, de volver a ser case a mesma que era de nena cando só sabía de sabores alegres.

Se agora este papel voase e acabase no mar, non sei se sentiría mágoa por estes apuntamentos inútiles que só eu sei ver na súa magnificencia. É o que ten vivir nun túnel; os ollos afanse a ve-lo mundo dun xeito especial.

protege-moi-placebo

Read Full Post »