Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Kundalini’

Meditación Kundalini

“Hai escuridade, e dentro dela un universo enteiro. Eu, sobre unha manta. Non levito pero escoito a música. O guión esixía tomar conciencia do corpo, de todo, pero a chuvisca salgada chegou ás esporas dos iris e non puiden parar a nube. Deixei que descargara pouquiño, paseniño. Se realmente era iso o que sentía, para que paralo? para que cortarlle o camiño? Esa tamén é unha maneira de atopar o ser”

………………….

Jorge apareceu un día nas clases de conversa de inglés para explicar un obradoiro de danza especial, dirixida á meditación, á liberación. Tras ese contacto, chegaron e-mails e tras tantos xoves ocupados este decidín adicalo á meditación Kundalini. Por probar, por experimentar como din os portugueses.

Primeiro, foi a vibración, a conexión coa terra, un pequeno tembleque que o corpo comeza a sentir para ser consciente de si mesmo ó son da música. Despois chegou a fase de baile libre, máis tribal, pero coa mesma conexión con Gaia. Para terceira etapa, na case escuridade total, a meditación era o fin, tomar conciencia de todo, da sala, da xente, de ti… O cuarto e último punto foi facerse o morto.

Case quedo durmida, mesmo creo que ronquei. Maca di que é normal. A cabeza está todo o día apresurada e cando o corpo simplemente deixa de acelerar sobreentende que vai durmir e abandónase ó soño. Meditar non meditei nada pero quedei relaxada, liberada. A meditación déixoa para as vindeiras sesións. Hei volver. Gustoume a experiencia Kundalini. E non é unha secta.

 

Read Full Post »