Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Experimento mp3’

“Eu fun un cabaliño de mar, irisado pero con tendencia ó vermello, rodeado doutros cabaliños de mar amarelos, das algas verdes e das ondas azuis. E fun un cabaliño de mar que percorreu o camiño acompañado de caras, a gran maioría, descoñecidas. Pero alí isolado sentinme unido. Estiven enfeitizado durante uns minutos ata que deixei de choutar por unha orde suave a través dos cascos. O experimento mp3 mudou a miña vida”.

29102009

Xa pasaron tres días desde o Experimento mp3 en Vigo, Murcia, Madrid e Barcelona. Baseado nun flashmob ou tamén chamada performance monguer, de Improve Everywhere, que van polo mundo pedindo voluntarios para de forma anual facer este experimento, propoñen realizar unha intervención artística espontánea na rúa a través de voluntarios que seguen as ordes facilitadas nun podcast dun mp3 que previamente descargaron das redes sociais, neste caso Facebook.

Eu temía, como moitas persoas, que o apoio masivo no Facebook (onde sinalabas se pensabas acudir, se non ías ir ou se non sabías) desde a cidade olívica se transformara nunha presenza tímida ante o Marco, na rúa Príncipe. Pero, oh sorpresa, non foi así. Ó final, despois de Barna, foi a segunda cidade na que máis seguimento houbo por riba das 300 persoas do Retiro de Madrid.

No caso de Vigo non se poñen de acordo as distintas fontes no número de participantes. Uns din 500, outros 400, outros 300. O que está claro é que eramos máis de 350. Eu escollín a camiseta vermella porque as azuis estaban para lavar, porque coas verdes ou morrería abafada de calor ou pasaría fresco de máis, porque a amarela levaba unhas raias e números da selección brasileira de fútbol. E alí estiven no bando vermello.

Ás 18.00 horas comezou todo. No interior do Marco tamén había expectación. Na recepción mandaron avisar cando faltara un minuto. Cando faltaba saíron afora e comezou unha conta atrás mental para algúns. Ó final, de pouco valeu porque, no meu caso, empecei rezagada uns 2 ou 3 segundos que naquel momento non parecían nada.

Todos cos cascos, oímos como unha voz dun rapaz se presentaba entre música e nos pedía que comezaramos a estirar. E alí estabamos estirando no medio de Príncipe sen importarnos que a señora do pelo tinguido de mechas nos mirara de esguello, que a rapaza do flequillo sorrira para nós. A continuación, tocou desfilar e alí estabamos unha marea de cores do parchís (como dicían no xornal decano) desfilando cada un na dirección que se antollaba. Ata aí, normalidade.

Despois do precalentamento, chegou a interacción co medio. Primeiro, mandaron abrazarnos a un obxecto inanimado, logo a outro animado pero non persoa. Así foi como me vin abrazada á baranda metálica do Marco e despois a un can que tras o meu recibiu varias decenas de aloumiños mentres se lle poñía cara de parvo preguntándose que fixera el para recibir tanto cariño. Iso si, quedou contento. E a dona -de negro e sen cascos- sorría para nós sen saber que era o que nos movía a dar tanto afecto á mascota.

A interacción proseguiu entre nós. E non sei mo ben cando comezamos a bailar a música que nos poñían como se estiveramos nunha discoteca de hoxe en día, primeiro, para despois imaxinar o baile do 2029 no que abundaban os movementos máquina. O curioso foi recibir a orde despois de reproducir este baile pero a cámara lenta.

Tocou o tempo de dispersase. A voz en off mandou andar, andar, pararnos, andar. Voltamos e entón ficamos conxelamos na posición na que estabamos todos agás os azuis que tiveron que facer o movemento das ondas do mar. Logo, os verdes -convertidos en algas- tiveron que seguir o movemento das olas para, ó final, sumarnos amarelos e vermellos convertidos en cabaliños de mar que choutaban entre ondas e algas.

Os exercizos posteriores consistiron en formar unha diana de cores. Primeiro co vermello no centro rodeado de azul e verde e os amarelos como dardos intentando chegar ó vermelo mentres as outras dúas cores o trataban de impedir.

Logo, tocou xogar a Enredos. “Coa man dereita toca o hombro esquerdo dalguén con camiseta vermella”, dicían, “agora toca cun pé o pé esquerdo do da camiseta azul, e agora coa man esquerda toca a alguén de amarelo….” A medida que quedabas descalificada tiñas que sentar no chan.

O xogo proseguiu coa batalla épica final para a que recollimos as nosas armas -globos de cores- cos que tiñamos que atizarlle ós das camisetas diferentes da nosa. Entón nun momento a voz en off pediunos que pararamos que non iamos imitar ós malos do mundo senón que iamos dar unha mensaxe de paz apuntando as nosas armas cara o ceo e pronunciando a onomatopeia do silencio shhhhhhhhhhh para calar as voces a favor da guerra. Soltamos os globos que caeron o chan e que comezaron a estoupar como lumes de artificio. Aquel último momento de festa foi o epitafio do experimento mp3 en Vigo tras máis de 40 minutos de intervención.

Para ver algunhas imaxes da xornada, atopei este enlace no flickr show.

Para ver experimentos anteriores nun documental de Improve Everywhere con outros proxectos a redor do mundo, mellor acudide ó Marco para ver o bloque A de artfutura-2009-20-anos-da-realidade-virtual-redes-sociais ademais das mellores obras de 3D do mundo, está tamén este documental.

Read Full Post »