Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Depeche Mode’

Chovía no mar e non quedou outra que refuxiarnos na nave. Dentro, cheiraba a madeira e sobre as nosas cabezas, a quilla dun barco cunha reminiscencia ás expedicións seculares. Balboa, Cabrales… Os nosos apelidos non son de conquistadores. Mais ben de conquistadas.

A travesía durou o que dúas voltas de 60 minutos. Fíxose noite no Pavilhao do Atlântico. Lisboa non quedou sen voz pero moitas olladas miraron cara o Parque das Naçoes onde a gran pantalla mostrou a un rapaz e a un ancián mentres Dave Gahan cantaba “In chains, I´m in chains” “You´ve got me dying for you”.

O enfeitizamento das musas seguiu con “Wrong” para deixarnos claro, por se non o sabiamos, que naceramos baixo o signo equivocado, que tomaramos o camiño trabucado, a nada correcta teoría na persoa equivocada.

Pero realmente, nas galeras, o entusiasmo chegou con “Precious” enxergando ó lonxe un poema que lembraba a Hafez, o poeta. Era o “I have learned so much” de Daniel Ladinsky, o bardo americano da espiritualidade aprendida.

Percorremos un deserto cun corvo, subimos ó espazo cos astronautas de Moda, sentimos a luz cegadora das olladas. “Stripped” levoume a outra dimensión. Eu era música, eu fun movemento, misturada con ondas etéreas nuns minutos finais instrumentais dun tema que nunca voltarei a sentir desa maneira.

A medida que avanzaba a nave, chegaban reminiscencias de “World in my eyes”, “I feel you” e por suposto “Enjoy the silence” para despois de moitas outras cancións e un bis acabar co “Personal Jesus”. Tralos acordes desta, a tripulación e os condenados a galeras queriamos máis pero non houbo cánticos ó unísono para pedilo e ficamos alí agardando pola luz artificial na noite, correndo cara o metro lembrando xa un concerto correcto, como di V, que levaba esperando o corazón durante meses para pechar a ferida nimia dunha espiña que se cravou en Oporto a principios de verán.

Para Dave, lamentablemente, pasan os anos aínda que o corpo siga sendo devorable e a súa voz namoradora. Preto de 14.000 persoas saíron do Atlântico para poñer rumbo á casa, ó Bairro Alto… lembrando o mellor concerto da súa vida ou un dos máis agardados da mesma.

Iris Jordao, no flickr, amosa algunhas das imaxes da noite lisboeta: irisjordao

Á falta dun vídeo con calidade do concerto de Lisboa, deixo o Stripped do Rock am Ring

Read Full Post »

PORCA MISERIA

Tour of the Universe
É inútil loitar contra o destino. As Parcas tecen os fíos sen que nós poidamos obrigalas a seguir un mapa ou un camiño. Varios meses de espera coa entrada pagada. Máis de media vida agardando por un intre que… finalmente terá que esperar. Ás sete da tarde de onte, maldita sexa a hora, un SMS avisaba da fatídica nova. “Accidente do cantante de Depeche Mode. Concerto de Oporto cancelado”. Incredulidade. Mal agoiro e un sentimento complexo no interior. Despois chamadas de teléfonos, choros en silencio e, para rematar, unha cena-terapia de grupo na casa duns amigos para lamentar o destino. O Tour of the Universe que hoxe ía chegar a Oporto quedou colgando por unha lesión de Dave Gaham na actuación desta semana en Bilbao. Maldita sexa!!!! Mesmo estiveramos na noite do xoves vendo os vídeos do “Best of…”, botando unhas risas coas pintiñas que tiñan nos 80; disfrutando do directo dos vídeos de EMI no YouTube… E o soño quedou nun soño postergado ata unha data sen límite. Outra espera máis e ODIO esperar. Polo menos, aínda nos queda Portugal. Mañá (quero dicir, nunhas horas) excursión a Oporto para ir de viños. Algho é algho.

Para durmir ben ou peor, un recordo para disfrutar do silencio.

shuuuuuuuuuuuuuu……………………………

Non lles vale con deixarme sen o concerto que, ademais, os de EMI n non deixan ver o seu vídeo no post…agggghhhhhh

Read Full Post »