Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Daniel Ladinsky’

Chovía no mar e non quedou outra que refuxiarnos na nave. Dentro, cheiraba a madeira e sobre as nosas cabezas, a quilla dun barco cunha reminiscencia ás expedicións seculares. Balboa, Cabrales… Os nosos apelidos non son de conquistadores. Mais ben de conquistadas.

A travesía durou o que dúas voltas de 60 minutos. Fíxose noite no Pavilhao do Atlântico. Lisboa non quedou sen voz pero moitas olladas miraron cara o Parque das Naçoes onde a gran pantalla mostrou a un rapaz e a un ancián mentres Dave Gahan cantaba “In chains, I´m in chains” “You´ve got me dying for you”.

O enfeitizamento das musas seguiu con “Wrong” para deixarnos claro, por se non o sabiamos, que naceramos baixo o signo equivocado, que tomaramos o camiño trabucado, a nada correcta teoría na persoa equivocada.

Pero realmente, nas galeras, o entusiasmo chegou con “Precious” enxergando ó lonxe un poema que lembraba a Hafez, o poeta. Era o “I have learned so much” de Daniel Ladinsky, o bardo americano da espiritualidade aprendida.

Percorremos un deserto cun corvo, subimos ó espazo cos astronautas de Moda, sentimos a luz cegadora das olladas. “Stripped” levoume a outra dimensión. Eu era música, eu fun movemento, misturada con ondas etéreas nuns minutos finais instrumentais dun tema que nunca voltarei a sentir desa maneira.

A medida que avanzaba a nave, chegaban reminiscencias de “World in my eyes”, “I feel you” e por suposto “Enjoy the silence” para despois de moitas outras cancións e un bis acabar co “Personal Jesus”. Tralos acordes desta, a tripulación e os condenados a galeras queriamos máis pero non houbo cánticos ó unísono para pedilo e ficamos alí agardando pola luz artificial na noite, correndo cara o metro lembrando xa un concerto correcto, como di V, que levaba esperando o corazón durante meses para pechar a ferida nimia dunha espiña que se cravou en Oporto a principios de verán.

Para Dave, lamentablemente, pasan os anos aínda que o corpo siga sendo devorable e a súa voz namoradora. Preto de 14.000 persoas saíron do Atlântico para poñer rumbo á casa, ó Bairro Alto… lembrando o mellor concerto da súa vida ou un dos máis agardados da mesma.

Iris Jordao, no flickr, amosa algunhas das imaxes da noite lisboeta: irisjordao

Á falta dun vídeo con calidade do concerto de Lisboa, deixo o Stripped do Rock am Ring

Read Full Post »