Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘concerto’

Cycle e os modernos de bote

Sala Mondo. Venres á noite. Máis de media hora de retraso sobre a hora prevista. O normal. Xa estamos acostumad@s e mesmo o agradecemos. Os Cycle entran pola porta grande. A China fíxase nun cartelillo sen mérito e lóuvao. Minutos despois, no escenario a maquinaria da banda de techno punk máis díscola da Península. Abaixo, pouco máis e 60 persoas de público. Un fracaso, en termos económicos. O máis seguro é que se estiveramos noutro país, se nós foramos doutro país e os Cycle -ben é certo que o novo vocalista Mattias Freund é alemán- foran tamén doutro estado abaixo habería máis público.

A banda, reformulada case ó completo dende o anterior disco, gañou e moito. Primeiro, porque a grave voz de Freund e a súa posta en escena contrasta coa sensualidade ás veces algo obscena da China e a súa voz de nena robótica. Segundo, porque Freund ten esas voces que só uns poucos teñen o luxo de disfrutar, lembremos neste caso a Peter Murphy que dende Bauhaus ata agora gañou en anos e en gravidade para o beneficio da música.

Sonaron temas-himnos para os seguidores do hedonismo escuro como Confussion, o bailoteo electrónico de You talk too much pero tamén abundaron os novos temas da banda como “Beat me, bust me”. Teño que confesar que me gustaron en directo e moito, a pesar de que o público fora ñoño de máis para a parafernalia electrónica destes punkarras con sacarina de sintetizador, a pesar de que hai un pouco de certo niso de que no disco se quedaron un pouco anclados no electro de mediados da década. Sen embargo, no directo móstranse vigorosos, reinventados e mellorados.

É a pega de sempre, a crítica dun concerto tras outro concerto na Mondo. Para que vai a xente a un concerto, paga unha entrada de 15 euros (o prezo en taquilla pra Cycle) e despois nin aplaude, nin pide bises (ata Freund botou en cara e en inglés que volvían ó escenario aínda que ninguén llo pedira), nin baila… Iso si, o público en xeral da Sala Mondo gasta o diñeiro e pasa o tempo no concerto conversando en voz alta. Velaquí a cuestión: por que non conversan na rúa ou nun bar? Así, aforran o diñeiro. Non dicimos que estamos en crise? Pero se cadra é que ó mellor o que buscan é o postureo rockeiro guai de ‘eu estiven alí’, ‘que moderno son que vou á Mondo a ver un concerto’ aínda que non lle fagan ni caso ós artistas. Hai cousas que non entendo. E non só foi con Cycle, foi con Dorian, con Manos de Topo (estes tiñan programa un concerto de dúas horas e quedouse en hora e media porque as 150 persoas que había alí pasaron deles, non lles pediron un só bis), os concertos das cantautoras de Voces Femininas… É obrigado estar nas tres primeiras filas para oir ó grupo en lugar de oir á conversa dos choumas que tes ó lado. A min que me importan as súas paranoias existenciais ou problemas de adolescentes de 30 anos? Que queden na casa ou vaian ó Castro a facer botellóns pero que non amolen ós que realmente queremos oir música.

E non o ía dicir -e lamento ser se cadra un pouco dura na linguaxe neste post- pero vouno dicir. A que vén esa p. manía de estar a gravar e sacar fotos de continuo no concerto sen disfrutar del? A ver, que é o importante: disfrutar do momento ou levar un anaco de pixels para a casa? A moitos, levaríaos ó Aturuxo de Bueu para que aprendan como se vive un concerto de verdade, sen tanta tontería e ñoñería.

Agora que descarguei, deixo un retazo da música de Cycle

Read Full Post »