Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Vigo’ Category

Cada 3 de febreiro o viño e os licores corren polas rúas de Benvibre. Non acado a comprender porqué un santo médico convida a tal bacanal. Será se cadra porque o alcool anestesia.

Mañá, hoxe, é o día grande (dende o mediodía ata que os riñóns, o fígado e o estómago aguanten) inda que levamos varios días erguendo a taza. Este ano o meu premio ó mellor furancho é para o de Chicha, xunto á Igrexa de Benvibre (Vigo). Comida e sidra da casa: lacón, zorza, xamón asado, chourizo e… biscoito con prezos ideais anticrise. Ah, se tes sorte, mesmo sopa con auga de cocido. Inimaxinable.

Chicha é desas mulleres curtidas polo tempo, pola historia e pola familia. Un sorriso de señora afeita a mandar na cociña e na casa, para quen nunca a porta debe estar pechada, para quen a festa manda. Mañá será o seu gran día aínda que o noso bandullo leva pensando nela dene hai tempo. Lémbrame á miña nai con esas verbas de dozura para os meniños, ese coida-los da casa por riba de todo aínda que ventee fóra e dentro. Gústame a visión que ten dos homes. “Sempre están cansos”, espeta co marido a dous metros. Que razón ten. Non hai nada máis que dicir contra a evidencia e a experiencia.

Sería pola sidra, sería polo licorcafé demos tres voltas ó ruedo entre risos e medios aplausos. Unha festa é unha festa mentras na cabeza resoan as gaitas, cunchas e tambores. Mágoa que o tempo sexa efémero e que mañá sexa outro día. Chicha forever.

Como na maior parte dos bos momentos da vida, non hai traza para a imaxe e a foto. Confiemos, pois na cabeza para a lembranza. Como souvenir, o recordo e unha chapa do porco-Che, a derradeira da tempada.

Read Full Post »

Neve*****

A contraluz, outro xeito de ve-lo cristal. xan 2010

Vivo nun recuncho salgado, nun neboeiro branco resistente ó xeo, no que os aloumiños do sol preservan da nosa vista a postal de inverno que outros chegan a aborrecer. Hoxe, tras tantas noites e días de arela aconteceu o miragre. O ampo cubriu Vigo. Os cristais hexagonais alongaron os brazos para cubrir fentos, follas de carballos e toxos mentras o asfalto desafiaba en negro á brancura desexada.

No cumio do saber, onde os magos das ecuacións, manexan a física e a química, a zapada alongou o manto, que seguía a crecer dende que os meus ollos a viron… por última vez?

******************************************************************

Había anos que non vía nevar en Vigo. Nunca pensei que hoxe, a querencia excesiva ó nórdico de estrelas e a saída tardía da mañá me ían agasallar cunhas folerpas. Primeiro, tímidas. Despois, no CUVI, fachendosas. Os piñeiros eran distintos, o ceo era diferente, ata o vento zoaba de forma distinta. Ziritione baixou a cabeza para deixar paso á supremacía do cristal de xeo que non vía dende había xusto un ano, naquela mañá inesquecible en Carnaby ou naquela tarde de felicidade nas Médulas.

*************************************************************

Creo que sei a que vou ó encontro, pero perdo a pista e rememoro latexos que cristalizan o iris.

Percorro o camiño branco coa brúxula nas costas e, de súpeto unha voz de fóra do círculo berra no meu océano.

No intre no que cae unha folerpa acordo e vexo a figura perfecta. Envexo a irradiación, a valentía e a seguridade dun sorriso falso.

Dou marcha atrás entre o xeo dos miolos e penso como paraliza-la formación do cristal de xeo na cara’ cando do que máis gustas é, precisamente, o que máis sacode a túa alma.

E a conclusión que consegue borra-lo baixo cero é que o acougo non o dá Bach, nin as cores de papel nin as flores, senón unha forza en forma de tul de seda recén saída dos vermes que só un carlou pode lograr por si mesmo.

Varios números metamorfoséanse nas mans mentras estas deciden obvia-lo nó para deixar respira-lo estómago. Non saben durante canto tempo pero agora máis que nunca decátanse de que a espiral se pechará en pouco tempo e que todo o acontecido no último reloxo non servirá de nada. Todo volta ó seu sitio?

Read Full Post »

Dorian 27.11.09

Podería facerlle caso a Marc, Bely, Bart e Jordi e marchar a calquera outra parte pero sei, como Lucía Etxebarría, que da igual a onde vaias, da igual á que cidade marches, a dor irá contigo.

Dorian falan de anxos negros, de novos días, desas gañas de mudar sen que se poida levar a cabo, de amor… O grupo de pop electrónico español estiveron esta fin de semana en Galicia. En Vigo, deron un concertazo e non son das súas fans, debo aclaralo. Non obstante este último disco, Tormenta de arena, ben é certo que ten unha confección exquisita e que a súa posta en escea nos directos é exquisita. Pero gracias a Marc, voz, con eses ánimos que dá para choutar, para espertar a un público durmido como o vigués. Se non fose polas voces fortes das primeiras filas na Sala Mondo vidas de Zamora, quedariamos sen os bises, se cadra. Poucos eramos a aplaudir e a pedir máis ante un grupo que claramente quería festa, festa e máis festa. Ó final, dúas horas intensas cuxo climax foi “Tormenta de arena”, o primeiro single deste último álbum co que cerraron o concerto antes dos bises.

Aseguraba o cantante deste cuarteto, Marc, nunha entrevista publicada esta semana nun medio da cidade que o directo se reforzaba cun quinto elemento que tocaría o sintetizador axudando a Belly para calcar o son ó do disco. Eu debo dicir que o directo mesmo mellora a versión enlatada.

Disfrutei con “Verte amanecer” porque eu ó igual ca eles escoito discos raros, empezo sempre ó revés e négome a crer en Deus; tamén con “Paraísos artificiales” aínda que os meus teñen máis que ver coa noite musical e o incienso; sen esquecer “Estudios de mercado” e esas ansias de queima-la vida pero lonxe, iso si e no meu caso, dun vaso de mezcal. Como colofón, “Las malas semillas” coa que si todos, todas entoamos nananananaananananaa….

Tras velos en directos, comprendín porque esgotaron entradas na sala Heineken de Madrid ou na Apolo de Barcelona -na Mondo, encheron ata a metade de todo o local, non foi mal- Son verdadeiramente un soplo de forza na escena musical española, un convite á bailar con letras traballadas verso a verso.

 

“Todo o que sinto por ti, só sabería dicilo así…”

 

Read Full Post »

Older Posts »