Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘viaxes’ Category

Unhas das cousas que máis me gustaba dos domingos á noite do outono-inverno pasado era sentarme diante do televisor co meu ex para ver Pekín Exprés, o programa de Cuatro. Na primeira edición, varias parellas debían, por etapas, percorrer unha ruta desde Rusia ata Pekín cun só euro ao día.

Era curioso ver a estas persoas intentar comunicarse con xente que non tiña idea do seu idioma e acertar o que lles estaban dicindo. Era curioso velos esforzarse ao máximo para continuar co soño de seguir na aventura. Recoñezo que chorei cando unha das xemelgas admitiu que tiña cáncer.

Tamén recoñezo que estaba agardando o retorno do programa que desta vez lévaos de Pekín á India polo Himalaya. Perdinme o primeiro capítulo pero o domingo pasado vin o segundo e a decepción foi total. Imaxino que quen fixo o casting buscaba máis xente para Gran Hermano que para Pekín Exprés. Como é posible que se escolla para un programa no que ás veces tes que durmir baixo as estrelas, estar ata seis días sen ducharte ou máis de 24 horas sen comer a xente que non pode pasar un día sen maquillarse ou que non concibe como proba buscar unha escultura na terra?

A sorpresa moi máxima cando vin como dúas concursantes se negaban a facer unha proba porque non querían arañarse as pernas porque “mi cuerpo es mucho más importante que este programa”. Se tan importante é, por que vai en pantalón corto? Ese comentario podería pasar. O que xa non aturei foi cando unha delas comezou a facer xestos obscenos contra a cámara. Eu, como espectadora, que culpa teño da súa mala leche? “Esperaba más de Pekín Exprés”, dixo. Que agardaba?

Outra parella de homosexuais tiveron unha discusión a bordo dun coche de chineses que os levaban. Nun momento, pediron que pararan, baixáronse do coche berrando e con portazo incluido -dun coche que non é seu- e dixeron adiós e thank you mentres o os seus chinés-conductor se baixaba con cara de non comprender nada. Que falta de educación! Que culpa tería o chinés dos seus problemas de parella?

Con este panorama decidín pasar da televisión á internet. Nesta última, tiven coñecemento doutra viaxe máis interesante. Cinco xornalistas de Agareso, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios atopábanse o pasado día 22 en Nicaragua coa fronteira de Honduras pechada, destino ao que se dirixían. Neste último país, decretárase o toque de queda pola estadía do ex presidente deposto, Celaya, na embaixada brasileira en Tegucigalpa. Conta Estrella López como os reporteiros pasaron ás súas na fronteira que lograron cruzar un día despois afrontando problemas de infraestruturas que descreben no blog

agaresogolfodefonseca.blogspot.com

Os cinco xornalistas atópanse no Golfo de Fonseca para visitar distintas comunidades de pescadores e rexistrar os plans realizados por Cooperación Galega e Amigos da Terra na zona realizando entrevistas, reportaxes e gravando para un documental. A súa aventura continúa e se queredes seguir o seu rastro podedes no blog ou na web http://www.agareso.net. Prefiro esta viaxe á de Pekín Exprés.

Read Full Post »

Ulysses. Capítulo 2. Final

E coa nave, entre as nubes, percorrín milleiros e milleiros de millas. Durante a travesía, soñei que era outra, que era outro aínda que -agora- á volta me decato de que sigo sendo a mesma, malia o meu pesar.

Foron días nos que vin piratas, nos que pensei que se bicaba un sapo este se convertiría nun príncipe. Pero, finalmente, frenei as ensoñacións porque xa hai tempo que non creo nos contos de fadas.

ibiza 136-sapo

Sigo sen saber se é mellor bicar un príncipe e agardar a ver se este torna en sapo ou se é preferible bicar un anfibio e cruzar os dedos. Finalmente, sigo sen comprender porque lle dou tantas voltas na cabeza.

Camiñei sendas entre mármol frío, esculturas de guerra e pontes con árbores de candados onde eu tamén posei ao igual que parellas de namorados. Eu tamén quixen deixar o meu candado como sinal pero non o dei atopado.

Quizais, entre os mellores días, aquel no mercadiño no que D máis eu nos perdimos entre os postos do recordo á procura das insignias das SS, do exército turco e do bolchevique. E por uns intres, pensamos en que iamos levar para casa un anaquiño de historia en forma de cruz negra, de calavera ou de media lúa vermella. Pero o prezo da aduana e o risco de ser enviados ás galeras fíxonos non cometer unha imprudencia. Como lembranza, para min, un casco de paracaidista e uns sellos de cosmonautas. Para el, sellos de “políticos” e unhas bonequiñas.

ibiza 245-lenin

ibiza 253-bonecas

ibiza 274-cruces

Tamén camiñamos entre cruces xunto ao resto aínda que D non me acompañou na última visita ao camposanto mentres A e F se mofaban del. Púdolle o medo e, aí, recoñezo comezou a perder puntos.

peter2 069-atardecer

Na cidade das anchas canles, tamén vin o adeus da tarde pero sen a maxia da illa porque xunto á ponte ninguén aplaudiu para dicirlle ata logo ao sol. Durante días, procuramos o peirao das esfixies ata dar con el. Moi perto a admiración pola arquitectura fíxonos disfrazala de fervor relixioso e foi así como me atopei co pelo cuberto por un pano e un anaco de tea como saia sobre os pantalóns mentres os sacerdotes oraban de costas a nós nun cántico monótono que D sabía reproducir case á perfección entre risos fóra do templo.

Ben é certo que case todo nos soprendía: o país, as cidades, as xentes, os costumes. E quizais foi ese ir de sorpresa en sorpresa ou a agradable compañía entre os cinco o que fixo que ao final da travesía a tripulación tivera unha cara triste por finaliza-la viaxe. Retornamos tras pisar a area da praia ao outro lado do Senado, tras lembrarme do meu can na escultura do xardín, tras imaxinarnos no espazo exterior ou no interior da nave, tras vivir entre pasado e presente entre disfraces dunha corte vida a menos. Que duro está sendo retornar á Itaca.

peter2 053-efixie

peter 051-pasado

peter 042-astronauta

ibiza 160-cupulas

Read Full Post »

Ulysses. Capítulo 1

muelle

E o vento zoou e levou a miña nave cara o peirao. A illa recolleume con augas cristalinas e alí, no norte, puiden ver -abofé- unha das postas de sol máis bonitas do mundo.

eivissa

Non hei de esquecer o encontro no Tina´s e a estadía cunha xente simplemente inolvidable: L, P e M. Nin nos meus mellores soños sería como foi a pesar de non facer plans, a pesar de deixarme arrastrar por un destino que non me deu ningún revés ao final e a pesar de que as miñas expectativas foron defraudadas en canto á maxia da noite. Si houbo Bacos, pero non houbo Adonis e seguín xogando ao desencontro, nunha fase que -ao meu pesar- está empezando a entrar en barrena.

Houbo días para ver amencer entre os edificios da “cidade” nun bochorno vermello, pegañento.

amanecer

Houbo días para coñecer novos espíritus e mentes, novas augas e areas, para perderme entre líquidos pesados e músicas hipnóticas mentres cruzaba o dintel de Bora-Bora entre colillas, hamacas e boias atopando, incriblemente, serenidade e felicidade. No recordo, o baño nas Salinas no consulado de Porto Rico.

Pero a felicidade é efémera e marchou coa última marea tras a sesión de reiki e os cómodos coxíns do Jamaica. Desta vez, esta aventura saíu ben malia que M1 se queixou da miña tolemia. Como dixo Jodie Foster un día: “Se hei de errar, prefiro facelo ao meu xeito, en lugar de errar ao xeito dos demais”.

Mesmo na viaxe ata o erro máis grande, ás veces, hai triunfo.

DSC07421

Read Full Post »

Older Posts »