Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Música’ Category

Non podo conte-la estrano rebumbio interno que sinto. Escoito os primeiros acordes das súas cancións, non importa cal sexa, e comezo a experimentar un movemento entre os pulmóns, o estómago… como se os órgaos se puxesen a danzar ó son do seu piano. Se a catarse é inevitable só co piano, xa non ten nome cando a Wim Mertens o acompaña un quinteto de corda como o de onte en Vigo. Contrabaixo, chelo, viola e dous violíns.

Sobre todo ela, a violista sen nome. Non fun quen de escoitarllo da boca de Mertens. Pero ela demostrou que non só hai que interpreta-la música senón que hai que sentila, exteriorizala, acompañala con movementos de brazo e pernas, minúsculos, calculados, pero con signficado.

A música do belga Wim Mertens -embaixador cultural de Flandres- ten esa capacidade de levarte ó ceo. Para min, non foi difícil onte no terceiro anfiteatro do Teatro Caixanova. Nin sequera en avión me sinto tan preto de convertirme nun ser celestial que olla para baixo sen altivez, senón cun sorriso semellante ó do profeta Daniel no Pórtico da Gloria.

Ora no ceo ora bordeando a costa… melodías para viaxar dende a butaca, para sentir como nunca que formas parte dunha película e da súa banda sonora aínda que os títulos de crédito nunca vaian incluí-lo teu nome.

Foi, o de onte, un concerto tardío, comezou ás 22.30 horas que se prolongou ata antes das 00.15 horas, cun descanso de 15 minutos incluido. Ó remate do mesmo, ovación no teatro con pataleo incluido para pedir uns bises que non chegaron. Había queixas entre o público porque Mertens non voltara a saír. Pero eu, no meu foro interno, sei que o compositor daría o que fose por retornar ó escenario. O obstáculo que o freou, creo, as normas impositivas de Caixanova de non alonga-los seus actos máis alá das 00.00 horas, sen importarlle quen sexa o artista que deleita o seu público.

Non sería a primeira vez que dende Caixanova obrigan a acurtar un concerto por cuestións horarias. É o que ten esta cidade sen auditorio “público” propio.

“Struggle for pleasure”, Wim Mertens

**Na lembranza de Diálogos 3

Read Full Post »

Milknaut, na Fábrica

É tarde, ben sei que de seguro ninguén lerá isto. Pero, “por si acaso”… está é a miña proposta para esta noite para quen queira ir durmir un pouco máis tarde.

Os vigueses Bruno e Yago –Milknaut– tocan esta noite na Fábrica de Chocolate. Pop electrónico? As etiquetas non deberían de existir, poden inducir a un erro.

Estiveron no top ten da Mondo Sonoro e hoxe, ó fin, presentan a súa maqueta na Fábrica trala gravación do disco meses atrás. Por cinco euros, podes velos na Fabrica de chocolate, Vigo, a partir das 22.30 horas con Linda Guindala.Cinco euros a entrada para unha viaxe a unha música diferente.

ÇDe tódalas cancións, quédome con “Stay in my world”. Hoxe entónoa ó ritmo de Requiem pola persoa que encheu de sorriso a noite previa ás Letras e que deixei no camiño, creo, que por erro. Anticípome demasiado á vida…

Read Full Post »

Cycle e os modernos de bote

Sala Mondo. Venres á noite. Máis de media hora de retraso sobre a hora prevista. O normal. Xa estamos acostumad@s e mesmo o agradecemos. Os Cycle entran pola porta grande. A China fíxase nun cartelillo sen mérito e lóuvao. Minutos despois, no escenario a maquinaria da banda de techno punk máis díscola da Península. Abaixo, pouco máis e 60 persoas de público. Un fracaso, en termos económicos. O máis seguro é que se estiveramos noutro país, se nós foramos doutro país e os Cycle -ben é certo que o novo vocalista Mattias Freund é alemán- foran tamén doutro estado abaixo habería máis público.

A banda, reformulada case ó completo dende o anterior disco, gañou e moito. Primeiro, porque a grave voz de Freund e a súa posta en escena contrasta coa sensualidade ás veces algo obscena da China e a súa voz de nena robótica. Segundo, porque Freund ten esas voces que só uns poucos teñen o luxo de disfrutar, lembremos neste caso a Peter Murphy que dende Bauhaus ata agora gañou en anos e en gravidade para o beneficio da música.

Sonaron temas-himnos para os seguidores do hedonismo escuro como Confussion, o bailoteo electrónico de You talk too much pero tamén abundaron os novos temas da banda como “Beat me, bust me”. Teño que confesar que me gustaron en directo e moito, a pesar de que o público fora ñoño de máis para a parafernalia electrónica destes punkarras con sacarina de sintetizador, a pesar de que hai un pouco de certo niso de que no disco se quedaron un pouco anclados no electro de mediados da década. Sen embargo, no directo móstranse vigorosos, reinventados e mellorados.

É a pega de sempre, a crítica dun concerto tras outro concerto na Mondo. Para que vai a xente a un concerto, paga unha entrada de 15 euros (o prezo en taquilla pra Cycle) e despois nin aplaude, nin pide bises (ata Freund botou en cara e en inglés que volvían ó escenario aínda que ninguén llo pedira), nin baila… Iso si, o público en xeral da Sala Mondo gasta o diñeiro e pasa o tempo no concerto conversando en voz alta. Velaquí a cuestión: por que non conversan na rúa ou nun bar? Así, aforran o diñeiro. Non dicimos que estamos en crise? Pero se cadra é que ó mellor o que buscan é o postureo rockeiro guai de ‘eu estiven alí’, ‘que moderno son que vou á Mondo a ver un concerto’ aínda que non lle fagan ni caso ós artistas. Hai cousas que non entendo. E non só foi con Cycle, foi con Dorian, con Manos de Topo (estes tiñan programa un concerto de dúas horas e quedouse en hora e media porque as 150 persoas que había alí pasaron deles, non lles pediron un só bis), os concertos das cantautoras de Voces Femininas… É obrigado estar nas tres primeiras filas para oir ó grupo en lugar de oir á conversa dos choumas que tes ó lado. A min que me importan as súas paranoias existenciais ou problemas de adolescentes de 30 anos? Que queden na casa ou vaian ó Castro a facer botellóns pero que non amolen ós que realmente queremos oir música.

E non o ía dicir -e lamento ser se cadra un pouco dura na linguaxe neste post- pero vouno dicir. A que vén esa p. manía de estar a gravar e sacar fotos de continuo no concerto sen disfrutar del? A ver, que é o importante: disfrutar do momento ou levar un anaco de pixels para a casa? A moitos, levaríaos ó Aturuxo de Bueu para que aprendan como se vive un concerto de verdade, sen tanta tontería e ñoñería.

Agora que descarguei, deixo un retazo da música de Cycle

Read Full Post »

Older Posts »