Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘festas’ Category

Cada 3 de febreiro o viño e os licores corren polas rúas de Benvibre. Non acado a comprender porqué un santo médico convida a tal bacanal. Será se cadra porque o alcool anestesia.

Mañá, hoxe, é o día grande (dende o mediodía ata que os riñóns, o fígado e o estómago aguanten) inda que levamos varios días erguendo a taza. Este ano o meu premio ó mellor furancho é para o de Chicha, xunto á Igrexa de Benvibre (Vigo). Comida e sidra da casa: lacón, zorza, xamón asado, chourizo e… biscoito con prezos ideais anticrise. Ah, se tes sorte, mesmo sopa con auga de cocido. Inimaxinable.

Chicha é desas mulleres curtidas polo tempo, pola historia e pola familia. Un sorriso de señora afeita a mandar na cociña e na casa, para quen nunca a porta debe estar pechada, para quen a festa manda. Mañá será o seu gran día aínda que o noso bandullo leva pensando nela dene hai tempo. Lémbrame á miña nai con esas verbas de dozura para os meniños, ese coida-los da casa por riba de todo aínda que ventee fóra e dentro. Gústame a visión que ten dos homes. “Sempre están cansos”, espeta co marido a dous metros. Que razón ten. Non hai nada máis que dicir contra a evidencia e a experiencia.

Sería pola sidra, sería polo licorcafé demos tres voltas ó ruedo entre risos e medios aplausos. Unha festa é unha festa mentras na cabeza resoan as gaitas, cunchas e tambores. Mágoa que o tempo sexa efémero e que mañá sexa outro día. Chicha forever.

Como na maior parte dos bos momentos da vida, non hai traza para a imaxe e a foto. Confiemos, pois na cabeza para a lembranza. Como souvenir, o recordo e unha chapa do porco-Che, a derradeira da tempada.

Read Full Post »

SOÑOS

Onte soñei que ía nunha zódiac, aparentemente, camiño de Cíes; que saudaba ás algas profundas, que un rodaballo xogaba ao escondite mentras cos ollos ben abertos gardaba a distancia respecto dun choco máis ben grande. Onte soñei que estaba de “barriga para ao ar” ollando o ceo limpo enfundada nun traxe de neopreno sentindo o salitre na faciana para despois mergullarme en Areamilla e atoparme unha mincha bailando a muiñeira na area.

Onte soñei que camiñaba entre a escuridade cun fío na man. Non era unha cometa pero tampouco lembro ben o que era. Soñei que botaba unha risa tras outra, que bailaba e cantaba e que as miñas meniñas se perdían entre as burbullas da cor dos meus iris. Soñei que seguiamos cos ollos a dirección dun dedo que ía saltando de festa en festa nunha camiseta negra de Galicia en Festas onde non estaba a Romaría de Darbo pero si a Festa da Istoria, a da Auga e a do Esquecemento. Seis anos de troula resumidos nun anaco de tea.

Onte soñei que se sumaba á festa connosco Hello Kitty, que iamos polo As, o Camelot, a Lúa, que bailabamos ante o palco da música rodeadas doutras 400 persoas máis, choutando na noite. Soñei que algún mal nacido se metía con Hello Kitty mudándolle o nome. “Ola, hello Quiqui!”. Soñei que defendía o nome verdadeiro e que intentaba defendela a ela do malvado que sacaba as gadoupas mentres a xiada traspasaba as chaquetas nun cruce de camiños e de sinais.Tamén soñei que máis tarde a defendiamos dunha espada de cores que crebaba o aire da madrugada nunha luz dun novo día sen antes acabar a noite; e que Kitty era tan feliz que quería rozar o ceo cos seus bigotes.

Soñei que V non paraba de zanfonear (o amor platónico segue a existir, ti me entendes ben, V); soñei que me despedía de Hello Kitty ata o día seguinte.  Os soños continuaron e vinme rodeada de roupa empapada de viño, mentres os meus oídos só escoitaban o ritmo da percusión. Soñei que abríamos unha batalla entre botellas, pistolas e garrafas mentres no dintel dunha porta de pedra unha cheerleader travela de peluca verde defendía a farra ata a morte cunha bandeira. Soñei que Baco posuira un milleiro de almas que non paraban de beber.

Cando acordei só oín os chíos dos paxaros e Hello Kitty alí xa non estaba. Soñei que sentira mágoa e que mesmo me caeran unhas bágoas pensando en min, en M e en tod@s. Despois, co descanso, encendín o móbil e decateime de todo.

kitty

festas

96 anos das Festas do Monte, Monte Santa Trega, A Guarda. Festa de Interese Turístico

Read Full Post »