Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Marzo 2010

Defraudare

Debería poñerse de moda o latín. Non quero caer xusto no que criticaba Tusón en “Mal de linguas”, pero o latín semella tan elegante e, ó mesmo tempo, tan categórico.

Se eliximos unha verba ó chou, podemos atoparnos con “defraudar”. É a primeira que vén á miña cabeza desta volta. “Defraudar”, palabra aguda que sona como un peso nada máis pronunciala. Pero “Defraudare”, xa ten outro aquel. Parece máis liviana.

Defraudar: “Frustrar, perde-la confianza ou a esperanza que se poñía nalguén ou nalgo”.

Pero quizais prefira outra frase: A cane muto et aqua silente cave tibi. É dicir, que teñamos coidado do can que cala e da auga que non fai ruido. Si, mellor será coidarse deles.

Read Full Post »

Des-memoria

Entre a chuvia, ora forte, ora inexistente, veñen á cabeza as verbas de Bucay… E comezo a pensar…

É tempo de trazar unha ruta. Primeiro, cara onde? Segundo, de onde? Non anda errado cando explica que só se pode inicia-lo camiño dende o punto de partida de cada un o que implica aceptar unha chea de cousas. Intercala o narrador “eu son quen son”. E de súpeto lembro a declaración de Virgina Satir “yo soy yo”. Enlazo tamén coa pregunta desesperada de Olga Cameselle en “Des-memoria 2” de Disquedanza e Factoría Teatro “quen son eu?; eu son como son”. Tódolos camiños van dar a Roma.

Se o verdadeiro tempo vivido é o disfrutado, como di o mestre Bucay, logo fagámoslle caso, pero con algún límite? Isto último é o que aínda está cuberto de neboeiros mestos. Claro que ás veces hai que caer na mesma gavia oito días seguidos á saída da casa ata que  saltas e a superas. Ó décimo día, “daste conta que é máis cómodo camiñar pola beirarrúa de enfrente”.

E salouco, e non esquezo que son unha filla da terra, coa imaxe dun ser idealizado e inexistente na miña cabeza ó que eu usurpei un espazo. Unha imaxe da que fuxo e que dende hai máis dunha década decidín darlle o alto no camiño. Hai xa tanto tempo que abrín a Caixa de Pandora! Logo, por que non abrila un bocado máis? É realmente necesario? Cantas preguntas para as que hai que procurar resposta!

Por último, heime permitir a min mesma honrar ó segredo.

Read Full Post »

Lubos, un eslovako de mediana idade, leva décadas adicándose o estudo e ó retrato dos morcegos. Fascínalle o seu mundo de escuridade, o seu modo de pasar a meirande parte da súa vida “patas arriba”. Precisamente, “patas para arriba” (Arsy-versy) foi como o seu sobriño, Miro Remo, titulou un documental seu de 2009, protagonizado por Lubos, a nai deste mailos quirópteros. A peza foi unha das máis aplaudidas a pasada fin de semana no VI Festival Internacional de Documentais de Tui “Play Doc”.

Certas pasaxes do documental lembran unha das actividades de Axena: a visita a minas “pechadas”. Lubos relata na obra audiovisual como nestes fogares de quirópteros ten atopado o morcego orelludo dourado, o de ferradura grande e o morcego ratoneiro grande, entre outros.

O novo realizador Miro Remo descobre o hábitat destes animais no film amosando como o seu tío se adentra nunha mina (mesmo con cartel de prohibido o paso) con nove focos no corpo, luz abondo para fotografa-los morcegos durmidos, coas ás despregadas de cheo no voo ou regañando os dentes. As imaxes en branco e negro, logradas por Lubos mediante a súa cámara analóxica, móstranse tamén no documental que, ó mesmo tempo, recolle o conflito entre unha nai -a avoa do realizador- e un fillo, o tío de Miro.

A muller, de 75 anos de idade recalca a idea de que o seu fillo é considerado un tolo no pobo (o que o propio Lubos recoñece) pola súa afección, que  lle leva a convertir o lecer de retratar morcegos no seu único fin existencial. A queixa da señora radica en que o seu fillo carece de traballo e que é visto como un friki.

Read Full Post »

Older Posts »