Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Xaneiro 2010

Neve*****

A contraluz, outro xeito de ve-lo cristal. xan 2010

Vivo nun recuncho salgado, nun neboeiro branco resistente ó xeo, no que os aloumiños do sol preservan da nosa vista a postal de inverno que outros chegan a aborrecer. Hoxe, tras tantas noites e días de arela aconteceu o miragre. O ampo cubriu Vigo. Os cristais hexagonais alongaron os brazos para cubrir fentos, follas de carballos e toxos mentras o asfalto desafiaba en negro á brancura desexada.

No cumio do saber, onde os magos das ecuacións, manexan a física e a química, a zapada alongou o manto, que seguía a crecer dende que os meus ollos a viron… por última vez?

******************************************************************

Había anos que non vía nevar en Vigo. Nunca pensei que hoxe, a querencia excesiva ó nórdico de estrelas e a saída tardía da mañá me ían agasallar cunhas folerpas. Primeiro, tímidas. Despois, no CUVI, fachendosas. Os piñeiros eran distintos, o ceo era diferente, ata o vento zoaba de forma distinta. Ziritione baixou a cabeza para deixar paso á supremacía do cristal de xeo que non vía dende había xusto un ano, naquela mañá inesquecible en Carnaby ou naquela tarde de felicidade nas Médulas.

*************************************************************

Creo que sei a que vou ó encontro, pero perdo a pista e rememoro latexos que cristalizan o iris.

Percorro o camiño branco coa brúxula nas costas e, de súpeto unha voz de fóra do círculo berra no meu océano.

No intre no que cae unha folerpa acordo e vexo a figura perfecta. Envexo a irradiación, a valentía e a seguridade dun sorriso falso.

Dou marcha atrás entre o xeo dos miolos e penso como paraliza-la formación do cristal de xeo na cara’ cando do que máis gustas é, precisamente, o que máis sacode a túa alma.

E a conclusión que consegue borra-lo baixo cero é que o acougo non o dá Bach, nin as cores de papel nin as flores, senón unha forza en forma de tul de seda recén saída dos vermes que só un carlou pode lograr por si mesmo.

Varios números metamorfoséanse nas mans mentras estas deciden obvia-lo nó para deixar respira-lo estómago. Non saben durante canto tempo pero agora máis que nunca decátanse de que a espiral se pechará en pouco tempo e que todo o acontecido no último reloxo non servirá de nada. Todo volta ó seu sitio?

Read Full Post »