Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Decembro 2009

Apostasía

Fun bautizada cando aínda non tiña o uso de razón ó 100%. Ollo para as fotos e véxome así de branco, con flores no peliño, con eses zapatiños de boneca e penso: “que cruel é o mundo. Meus pais bautizáronme por non dá-la nota, por un convencionismo social, sen saber que me encadearían de por vida á Igrexa”.

Agora, 20 e moitísimos anos despois, creba-lo lazo católico é case imposible. Rodeos, rodeos e máis rodeos administrativos para ó final non poder borrarte do libro de bautizos. A única posibilidade é unha nota á marxe.

Maldigo aquel momento. Ese momento derivou noutros. Dous anos seguidos indo á catequese cun semestre incluído no que había que ir tódalas tardes e os sábados pola mañá sen contar a misa do domingo. Dous anos seguidos aprendendo un libro confuso, sen base científica nin real, cunha certa pinga de moralidade máis ca dubidosa á hora de levala á práctica. E xa non falo da Biblia. Respecto desta última, debo darlle a razón a Nietzsche: “Calquera libro resulta honesto despois de le-lo Novo Testamento”.

É a mesma cita escollida por Óliver Escobar para o seu poemario Apostasía, editado hai pouco por Edicións Positivas. Un libro no que tamén se recolle outra frase para a reflexión e a defensa: “Non a que me absorva calquera divindade” (J.M. Fonollosa)

Sen embargo, o verdadeiramente profundo é o poemario enteiro de Escobar, con versos como os seguintes:

“non quero que conten comigo

nin para o próximo circo

nin para a nova matanza

do vello cordeiro.

non quero que me inclúan

nos seus números mansos

non quero que no me nome

ceben o seu poder.

por iso altísimos censores

-adoradoras da tremoia invisíbel-

agardo a súa resposta

a estas páxinas ceibas

como anacos de inferno…

fagan o favor de darme a excomuññon

para non ter que montar este cristos!”

Este é un libro “contra os males de ollo” que convida a “queimarte” con eles, que fala do demo entre as pernas, do cristo alucinado do Mundo Celta de Ortigueira e da súa filosofía de carballo andante, de como “Lilith gorentaba o único que deus non lle podía dar a liberdade”.

E quédome finalmente con:

“teño un recuncho, entre a idea e o corpo, onde gardo con paixón, os desexos sen nome”

Read Full Post »

Cycle e os modernos de bote

Sala Mondo. Venres á noite. Máis de media hora de retraso sobre a hora prevista. O normal. Xa estamos acostumad@s e mesmo o agradecemos. Os Cycle entran pola porta grande. A China fíxase nun cartelillo sen mérito e lóuvao. Minutos despois, no escenario a maquinaria da banda de techno punk máis díscola da Península. Abaixo, pouco máis e 60 persoas de público. Un fracaso, en termos económicos. O máis seguro é que se estiveramos noutro país, se nós foramos doutro país e os Cycle -ben é certo que o novo vocalista Mattias Freund é alemán- foran tamén doutro estado abaixo habería máis público.

A banda, reformulada case ó completo dende o anterior disco, gañou e moito. Primeiro, porque a grave voz de Freund e a súa posta en escena contrasta coa sensualidade ás veces algo obscena da China e a súa voz de nena robótica. Segundo, porque Freund ten esas voces que só uns poucos teñen o luxo de disfrutar, lembremos neste caso a Peter Murphy que dende Bauhaus ata agora gañou en anos e en gravidade para o beneficio da música.

Sonaron temas-himnos para os seguidores do hedonismo escuro como Confussion, o bailoteo electrónico de You talk too much pero tamén abundaron os novos temas da banda como “Beat me, bust me”. Teño que confesar que me gustaron en directo e moito, a pesar de que o público fora ñoño de máis para a parafernalia electrónica destes punkarras con sacarina de sintetizador, a pesar de que hai un pouco de certo niso de que no disco se quedaron un pouco anclados no electro de mediados da década. Sen embargo, no directo móstranse vigorosos, reinventados e mellorados.

É a pega de sempre, a crítica dun concerto tras outro concerto na Mondo. Para que vai a xente a un concerto, paga unha entrada de 15 euros (o prezo en taquilla pra Cycle) e despois nin aplaude, nin pide bises (ata Freund botou en cara e en inglés que volvían ó escenario aínda que ninguén llo pedira), nin baila… Iso si, o público en xeral da Sala Mondo gasta o diñeiro e pasa o tempo no concerto conversando en voz alta. Velaquí a cuestión: por que non conversan na rúa ou nun bar? Así, aforran o diñeiro. Non dicimos que estamos en crise? Pero se cadra é que ó mellor o que buscan é o postureo rockeiro guai de ‘eu estiven alí’, ‘que moderno son que vou á Mondo a ver un concerto’ aínda que non lle fagan ni caso ós artistas. Hai cousas que non entendo. E non só foi con Cycle, foi con Dorian, con Manos de Topo (estes tiñan programa un concerto de dúas horas e quedouse en hora e media porque as 150 persoas que había alí pasaron deles, non lles pediron un só bis), os concertos das cantautoras de Voces Femininas… É obrigado estar nas tres primeiras filas para oir ó grupo en lugar de oir á conversa dos choumas que tes ó lado. A min que me importan as súas paranoias existenciais ou problemas de adolescentes de 30 anos? Que queden na casa ou vaian ó Castro a facer botellóns pero que non amolen ós que realmente queremos oir música.

E non o ía dicir -e lamento ser se cadra un pouco dura na linguaxe neste post- pero vouno dicir. A que vén esa p. manía de estar a gravar e sacar fotos de continuo no concerto sen disfrutar del? A ver, que é o importante: disfrutar do momento ou levar un anaco de pixels para a casa? A moitos, levaríaos ó Aturuxo de Bueu para que aprendan como se vive un concerto de verdade, sen tanta tontería e ñoñería.

Agora que descarguei, deixo un retazo da música de Cycle

Read Full Post »

Infidelidade

Confeso que dende hai un tempiño che estou sendo infiel. A culpa non a tes ti, senón eu. Se cadra, poida ser que a teña el. Disto último estou practicamente segura.

Quizais te preguntes porqué. Simplemente, é unha forma de reafirmarme, de non perder valor, de abrir portas que ata agora nin existían ou que existían pero que eu non vía.Tamén me serve para coñecerme mellor, ou iso penso.

Levan escrito moito sobre este problema, facilitando teorías pero ningunha delas se pode aplicar neste caso. A Vía Láctea e o Universo están cheos de corpos xeométricos que poden formar constelacións. A miña está en expansión, ás veces, en regresión, noutros momentos. E agora, creo, está comezando a nova etapa de expansión. É posible que se frene nuns días porque sempre quero acelera-lo proceso, os corpos xeométricos lembran que sen eles non hai avance. Logo, tería que avanzar soa pero cando a min realmente me gustaría dar pasos adiante na compaña de ti ben sabes pero como avanzar cun corpo gaseoso rodeado dunha nebulosa con anillos de Saturno?

O problema non está no gas nin na nebulosa, se cadra no planeta satélite. Non, se cadra non. Todo o contrario. De procurar culpables, mellor buscalos fóra da casa.

Read Full Post »

Older Posts »