Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Outubro 2009

emmy-01

Está Vigo a vivir unha semanas de boa música. Non da pensada para as masas, pero si para aqueles que queremos perdernos nas melodías, sopesar as letras… Hai dúas semanas comezaba unha nova andaina do ciclo Voces femininas con Victoria Williams e Simone White. Foi na Sala Mondo e alí, tan recollidos, debo admiitir que me encantou Simone White coa súa voz de paxaro, a súa suavidade… e que non conectei ben coa performance no escenario de Victoria (debo dicir que ela é a autora da canción \”Crazy Mary\” dos Pearl Jam. 

Este venres, día 30, outra vez na Sala Mondo actuará Emmy the Great. Con entradas a cinco e sete euros en Gong Elepé e na taquilla do local, a partir das dez da noite poderemos oir o seu primeiro disco “First love”, autoeditado por ela e que ten recollido excelentes críticas nos medios ingleses.

para saber máis do festival premede no blog de Voces Femeninas

Por outra parte, a semana vindeira empezará o Sinsal, o 3 de novembro, cos grandes Kings of Convenience e a cantautora chilena Javiera Mena. Os primeiros, quizais, lembren nalgún momento a Simon & Garfunkel. Haberá xente que se le isto, a xente entendida, que pense que non teño nin idea…Efectivamente, non teño nin idea.

Dos noruegos, a min, gústame as cicatrices sobre a terra, “Scars on land”, eses acordes…

De Javiera Mena, pola súa parte, un pouco máis electrónica, atopei unha interesante versión de \”Yo no te pido la luna\”, que nos anos 80 fixo famosa Fiordaliso tras gañar en San Remo e que a Década Prodigiosa incluíu nos seus pupurris-mix.

Os dous actuarán o día 3 no Teatro Caixanova.

Read Full Post »

Escuridade

“A” leva varios meses nun túnel, nunha escuridade de diversos matices. É un túnel diferente ós que eu vivira ou vivo pero que, seguramente, pola lei de vida percorrei algún día. Nestas últimas semanas, A comezaba a ver luz, aventurando o final do túnel. Había escuridade si, pero menos negra do que tempo atrás. O sábado pasado, ás nove da mañá, sen embargo, a escuridade fíxose tan espesa e tan amarga que o túnel volveu gañar lonxitude alonxando a A da saída.

Se como nos dicían de pequenas que Deus premia ós bos e castiga ós malos… logo quen é bo e quen é malo? Eu sigo sen entendelo.

Read Full Post »

A raíña das algas

Maruja_Mallo-005

A súa pintura é xeometría, cor e, sobre todo, intelixencia moito máis ca intuición. Ata o 10 de xaneiro, a Fundación Caixa Galicia amosa en Vigo na casa das Artes unha retrospectiva da obra de Maruja Mallo. Nela, podemos ver diferentes obras xestadas desde Galicia pero realizadas en Madrid ou en América. Para os fetichistas, alí está nunha vitrina o seu caderno de debuxos, o mesmo que levou de Vigo a Lisboa e da capital a lusa a Bos Aires cando decidiu o exilio voluntario pechando o cartafol á Guerra Civil, á persecución dos intelectuais e revolucionarios e por suposto á falta de progreso e liberdade que instaurara Franco.

Para que coñezamos ben a súa figura, a Fundación Caixa Galicia ofrece visitas guiadas de luns a venres ás 19.00 e ás 20.00 horas. Nunha hora, sabemos desa paixón con Rafael Alberti quen, sen embargo, esperou ó seu último libro de memorias para falar dela malia os anos de amor que viviran na mocidade. Como dixo Alberti, María Teresa León, foi como “unha nube” que pasou pola súa vida e que tapou a todo o anterior, incluida a Maruja Mallo.

As súas series “Naturalezas vivas” ou “A relixión do traballo” tiveron as súas primeiras ideas en Bueu onde se fixou en cunchas, algas, aparellos de pesca, mariñeiros pero, tamén, nas fotos de José Suárez -considerado un dos mellores fotógrafos galegos da historia- que lle serviron para a súa serie en branco e negro histórico “Mariñeiros”.

Cadro “Mensaje del mar” de Maruja Mallo

xose

Fotografía “Mariñeiros” de José Suárez

xose suarez

Esa fascinación polo mar, as cunchas e as algas desenvolveuno no outro lado no Atlántico facéndose retratar xunto a Pablo Neruda nas praias de Chile no 1945 como unha auténtica raíña das algas.

Maruja_Mallo_manto_algas_Chile_fecha

Sen embargo, tanta querencia polo mar non fixo que as súas cinzas, a pesar do que din moitos, estean na costa lucense (ela nacera en Viveiro) senón que estas atópanse no panteón familiar en Madrid, alí onde viviu a movida madrileña dun xeito estrafalario ata que acabou nun xeriátrico doente sen poder asistir á gran retrospectiva que lle ofreceran no CGAC. A Maruja, in memoriam.

Read Full Post »

Older Posts »