Non podo conte-la estrano rebumbio interno que sinto. Escoito os primeiros acordes das súas cancións, non importa cal sexa, e comezo a experimentar un movemento entre os pulmóns, o estómago… como se os órgaos se puxesen a danzar ó son do seu piano. Se a catarse é inevitable só co piano, xa non ten nome cando a Wim Mertens o acompaña un quinteto de corda como o de onte en Vigo. Contrabaixo, chelo, viola e dous violíns.
Sobre todo ela, a violista sen nome. Non fun quen de escoitarllo da boca de Mertens. Pero ela demostrou que non só hai que interpreta-la música senón que hai que sentila, exteriorizala, acompañala con movementos de brazo e pernas, minúsculos, calculados, pero con signficado.
A música do belga Wim Mertens -embaixador cultural de Flandres- ten esa capacidade de levarte ó ceo. Para min, non foi difícil onte no terceiro anfiteatro do Teatro Caixanova. Nin sequera en avión me sinto tan preto de convertirme nun ser celestial que olla para baixo sen altivez, senón cun sorriso semellante ó do profeta Daniel no Pórtico da Gloria.
Ora no ceo ora bordeando a costa… melodías para viaxar dende a butaca, para sentir como nunca que formas parte dunha película e da súa banda sonora aínda que os títulos de crédito nunca vaian incluí-lo teu nome.
Foi, o de onte, un concerto tardío, comezou ás 22.30 horas que se prolongou ata antes das 00.15 horas, cun descanso de 15 minutos incluido. Ó remate do mesmo, ovación no teatro con pataleo incluido para pedir uns bises que non chegaron. Había queixas entre o público porque Mertens non voltara a saír. Pero eu, no meu foro interno, sei que o compositor daría o que fose por retornar ó escenario. O obstáculo que o freou, creo, as normas impositivas de Caixanova de non alonga-los seus actos máis alá das 00.00 horas, sen importarlle quen sexa o artista que deleita o seu público.
Non sería a primeira vez que dende Caixanova obrigan a acurtar un concerto por cuestións horarias. É o que ten esta cidade sen auditorio “público” propio.
“Struggle for pleasure”, Wim Mertens
**Na lembranza de Diálogos 3



