Non comprendo, non entendo. Hai tantas cousas que “non”.
Deixarei de xogar a equívocos: Non teño idea clara das cousas. Alomenos, de certas cousas, de certas persoas. O que si comezou a discernir é que sen querelo e sen buscalo acabo sempre por atopa-lo mesmo arquetipo. Mesmo se fuxo del. Iso, recoñezo, é perigoso para a miña saúde mental. De momento, por sorte, non para a miña integridade física. Debo dar grazas?
Non hai gran diferenza no tempo empregado en intentar coñecer a estas persoas. Para ofrecer un pouco máis de claridade neste asunto, debo aclarar que son homes. Retomo o que antes dicía. Non hai gran diferenza en si os coñezo dende hai moitos anos (máis dunha década) ou unhas cantas semanas (un mes). Cada vez, parécense máis. Teño a intuición de que son moi parecidos. Temo que sexan idénticos.
O primeiro indicio disto último tíveno cando comezaba a estar bébeda. Logo, esquecinno. E non debera porque dese xeito comprendería. Asegura “R” que os homes son sinxelos. Entón, tócanme a min os complicados? Ou, se cadra, é que a cuestión é tan simple que a miña complexa cabeza non o dá entendido?
Rías Altas, Rías Baixas. Un na capital contemporánea do teatro. Pasan das seis e respondo ás dúas. E, agora, que segue? Seguir coa cifra borrada ou restablece-los números? Agardo eu algo ou espera el algo?
Costa da Morte, Rías Baixas. Como unha pantasma, chega, marcha, deixa a pegada. Desta vez souben da súa presenza antes. Estoume aficionando a ter contacto cos espíritos.
Para reencontrarse, hai que querer atoparse. Está claro, nonsi? Pero que mecanismos emprega o cerebro humano para chegar a esta conclusión e desexala? Demasiada meditación para esta mañá de domingo tras un sábado de desilusión pola cinza volcánica, de inquietude polo teatro de Daniïl Kharms.
Kharms. O asedio da identidade, o agocho dos tesouros de letras que parecen non ter valor, a doenza da alma… compartimos. Se como el deixou escrito, se presentara unha fada madriña para preguntarme por un desexo, o que tanto arelo e que tanto bisbei á rosa de Jericó non estou certa que sairía dos meus beizos. Atropelaríanse os desexos e as palabras na mente sen ter claro o que realmente quero.
Resulta tan difícil entende-lo que se quere…
Moito máis complicado é comprende-lo que queren.
P.D.: Produccions del Mar presenta esta fin de semana na Sala Nasa de Santiago (hoxe, domingo, inclusive) a obra “Camarada K” coa que a compañía maiorquina recupera a obra de Kharms. No libreto, sinalan “O mes de febreiro de 1942, nunn Leningrado bloqueado polo exército nazi, Daniïl Kharms, doente no hospital psiquiátrico onde o recluiu o poder estalinista, morre de fame con só 37 anos. Na vida só publicara dous poemas, aparte dos contos para nenos que escribira para sobrevivir”. As súas obras restantes foron recuperadas pola súa dona e un amigo dunha maleta inzada de manuscritos que viron a luz 40 anos despois. É considerado un autor do absurdo.




Eu inda no sei si son tan simples ou non, pero recoñezo que case penso coma ti, que son moi parecidos.
As sua maneira de fuxir cara diante dáme noxo
eu invéntome persoas póñolles un corpo e logo penso que son iso, pero case nunca o son, neste caso o problema é meu.
Bicos
PD: falo galego pero gramaticalmente non son moi boa, antes non se estudaba esta lingua, pero me axudo dun dicionario e leendote apréndese un pouco máis
graciñas. Si, se cadra o problema sexa ese, inventarse persoas. Teño que deixar de ter tanta imaxinación. Un bico, Montse